Botou andar antes de que a porta batera contra dos ferros fríos, mentres o vento levantaba páxinas dun xornal abandonado nas louxas da beirarúa. No ár unha certa atmosfera de irrealidade de vila perdida entre os montes que xa non coida ninguén. E qué hei facer eu se da lle por marchar de vez. Se me abandona.
A megafonía da propaganda electoral enchía todo dun cansazo insufribel, esmagando as esperanzas dos días, indiferente e inútil, frívola, abouxante. Pinguiñas caendo dun ceo fronteirizo, encaixado entre os bloques de apartamentos e os montes ao lonxe. Nunca souben ver os sinais. Pensei que abondaba co lánguido transcurso dos días á beira do lume do fogar. Mírate agora, á volta de trinta anos de convivencia…
- Vaste mollar, Manuel.
- Queira Dios.
O veciño fitou cara atrás adiviñando un aquel de desamparo na declaración e seguiu camiño co paraugas ben perto do corpo por mor do vento caprichoso. Bulían os pícaros por entre a pouca xente de camiñaba na procura da casa, ou da tenda, ou de ningures. A ningures é onde quere ir, a ver qué carallo anda a buscar agora á súa idade, mal raio me parta, tanto traballar pra atoparme agora con este sambenito.
Podes contar con nós. A nosa voz será a voz dos que nunca son escoitados. O camiño terá que ser percorrido ombro con ombro, homes e mulleres alzando unha soa voz…
- A puta que te paríu…
Ollouno con certa prevención a rapaza que saía do portal, co paso enérxico e o aspecto limpo e xuvenil. Tería sido imposible atopar dous seres tan distintos. El, encabuxado na perspectiva da derrota total e definitiva, as mans acubilladas nos petos, orfas de calor, abandonadas. Ela con presa e unha faísca de lume nos ollos azuis, as fazulas cálidas e rubias por un aquel de excitación. Ela acomodándose no habitáculo do utilitario blanco, prístino, accionando o intermitente con urxencia, atendendo ao que ocorre adiante e atrás, disposta para aquelo que anda a buscar. Ela soa, atenta a miles de futuros, aberta e fachendosa. Ela descoñecida.
Pasou o coche amodo, a carón do home das mans nos petos e o paso preguiceiro. Mirou ela mentres o cristal atopaba o seu tobo entre o metal branco e abrillantado. Mirou el, triste, como quen ve pasar unha bandaba de patos dende o patio dun penal. Zoou o vento entre as farolas carregadas coas imaxes dos líderes de ningures. Choveu con máis enerxía e o home camiñou os seus mesmos pasos cansos sobre das louxas manchadas aquí e alá polas pingueiras grises do ceo.
Chegou fronte da casa da infancia, parou os pasos e fitou aquelas dúas portas e a fiestra no medio. E se acaso finou aí a miña vida hai tempo, e non fun quen de darme conta. Camiñou outra vez, acenou coa cabeza cara o que erguía a man do outro lado da rúa. Ollou para o reloxo da torre da eirexa cando a campá ceibou aquela voz de bronce cara os vales. Eran as catro e a el pareceulle que xa foran as catro moitas veces.
8 Comentarios
Publicado en Sen clasificar