Publicado por: setesoles | 06/09/2009

Cruces de camiños

Sargantana
Normalmente, non paran. É coma se tivesen unha alarma anti-cámara que funciona moito millor ca o millor sistema de alarma que coñezades. Aínda non te viron e xa non están. Disque hai algúns trucos que relaxan mais ou menos ese grado de atención que amosan cáseque sempre. O sol, por exemplo. Nas mañanciñas frescas de Planoles, por exemplo. O caso é que esta vez non fuxiu. Quedou aí, á espreita, pero sen moitas prevencións. Cousa de se achegar a modo, sen lle quitar o sol (nunca!), saudala telepática e simpáticamente, e mais nada. Foi amabel, mesmo agarimosa. Deixoume repetir tomas e ata tivo o detalle de permanecer desa maneira que vedes cando as pilas morreron e houbo que procurar as de reposto, que sempre están lonxe.

Gustáballe posar, se cadra. Ou postas a escoller entre a ledicia do sol e a fuxida… o sol. Pode ser. Pero non é frecuente. Se cadra era a ligazón entre os camiños que uns e outros, e outras, andamos debuxando polo mundo adiante pensando que só son camiños. Non sei. Pero xa é casualidade tamén. Non sei qué pintaba eu no Burgo de Osma, pero estaba alí. Ao pé das campás que outro amigo virtual viña de pechar entre paredes de pixels e cores, no pazo episcopal. Cheguei tarde. Alá por Planoles andaba tamén outra amiga virtual, entre as augas que por aquelas terras alivian as calores do verán polo serán, entre relustros e rebumbio no ceo. Outra casualidade. E agora resulta que me atopo a sargantana entre dos seus últimos poemas… Será outra casualidade, pero agora que lle miro á foto, case estou por xurar que está a piques de chiscar o ollo.

Xa sei que podedes pensar que non se trata da mesma sargantana. Pero tamén teríades de supor que, inevitabelmente, ela e mais eu chegamos a un certo grado de confianza. Cóntame todo… ;) ))

Jocs d’estiu.
La sargantana somnia,
a la calçada.

http://sinera.blogspot.com/2009/08/cric-cric-cric.html


Respostas

  1. Eps! Ja penso es cosa de bruixes!

    Jajajajajaj, una coincidencia hermosa, esta es tierra de sargantanes i llangardaix (dragon), hasta las paredes de mi casa ha llegado algún llangardaix. Un enlace interesante: Les sargantanes de Joanetes

    Qué suerte tuviste, así, cierto, tan quieta al sol. Aunque en la foto, la cola, se adivina cierto movimiento fugaz…

    Un besiño i uma forta aperta!
    Montse.

  2. Debo engadir que esta sargantana posou amablemente para ti; si, para ti. Cando outras pensamos que ía seguir alí saboreando o sol e decidimos achegarnos coa cámara, saíu correndo. Así pois, podo confirmar que tedes un gran grao de intimidade, ou complicidade, e que non é característico das sargantanas esperar pola foto (porque non creo que a min me tivese manía)…

    Como diría miña nai “este mundo éche un pano moi pequeno…”


Deixe unha resposta

Your response:

Categorías