Publicado por: setesoles | 09/09/2009

Diario dun operario roxo. (I)

Odieino dende sempre. Se cadra é máis o seu aspecto ca a súa historia, nada discreta. Pero non contaba con ter a este castrón carpetobetónico aquí mesmo, diante de min, co ABC entre as máns, soltando unha risiña entre toses de cando en vez, e berrando coma un túzaro pola sirventa .¡Encarnaaaaaa… a ver ese café!.

Á volta de medio século, e cando daba todo por rematado, voume atopar con este panorama. Chegamos onte, a eso das nove, e xa había dous civís esperando na porta e outros dous facendo tempo arredor dun coche grande coma un carro de combate. Dentro había outros dous tipos, ún moi corpulento e outro con cara de monaguillo, esbranquexado e con pouco pelo xa. Elegantes os dous, cando menos por fora.

O mandamáis nin nos mirou. Deulle as instruccións aos outros dous mentres acomodaba a bata enriba do bandullo. Y aquí que no entren bajo ningún motivo. Logo entrou no despacho aquel, que ulía a ambientador e non se soubo máis del. Ya sabéis. Ahí no se entra, dixo o rostro pálido e marchou deseguida cara o seu cubil, unha habitación de tres por tres onde non había máis ca un par de sillas, unha percha, un televisor portátil e un ordenador que non se apagaba nunca. Debía usar calcetíns de fibra e polo rastro que deixaba xa non era o primeiro día nin o segundo.

O meu compañeiro é un destes rapaces novos que traballa cos ouvidos ocupados con dous trebellos que supostamente non se escoitan no exterior. Leva con moita fachenda iso de ser un “heavi”. Un dia explicoume o que significa ser un heavi e eu pensei que me estaba a falar dalgún bolchevique. Díxenllo e puxo cara de póker. ¿Bolchequé? Bolchevique. Olloume coma se lle mira ao médico cando di aquelo de  “é millor que te cuides”, pero tanto me tiña.

Eu hei ser un bo bolchevique. Iso foi o que pensei aquel día, e nin maxinaba as consecuencias que ía ter aquela terribel decisión. Rompín coa rapaza aquela de Compostela porque non era bolchevique abondo para mín, aínda que hai que dicir que a súa paixón polas miñas carnes era inexistente e as súas reaccións cando teimaba por apalpar as súas cáseque chegaba á violencia. Pensei que aquelas sinuosidades non podían ser da súa propiedade exclusiva, así que tampouco se perdía tanto. Trabuqueime. Pasei dous anos levando labazadas mais ou menos severas por culpa da miña escasa habelencia á hora de riparme dos grises, que adoitaban correr tras de nós por escuras razóns, cun fío de saliva baixándolles polo queixo. Aquelas noites maxinaba aos funcionarios enchendo formularios con nomes e apelidos e soñaba que petaban na porta.

Ao carallán este se lle caen das orellas os trebellos da musicoloxía cada vez que baixa da escada. Daquela o mecagoentumadre mistúrase dun xeito estrano co roquinonadipblacmauntin e a min dame por rir. Hai chamadas constantes á oficinaña de tres por tres. Bips de tódolas crases posibeis, longos, cortos, o que se queira. Cando o chaman ao mobil soa unha copla desas da Rocío Jurado, boas sinuosidades tamén, magoa de cabeciña, non somos perfeitos. Ás veces sae ao ar un rego de noticias do televisor portátil e o tipo solta pola boca algo que semella una resolución do tribunal supremo. Ya os daba yo derechos humanos… Aténdesme, ou? Aténdote se non te me alporizas que aquí son eu o mais vello. Cala. Se ves que tal ves traballar con estes elegantes que che ha ir ben. Ala, pásame os alicates e acouga.

Xa andaba eu cheo de dúbidas o día que me atopei a hora tardía cos compañeiros da facultade, algúns deles bolcheviques tamén, e percorremos o Franco inxerindo viño do Ribeiro, se volva, e pinchos de tortilla ou tortela, depende da fervedura dos miolos, como vos contei. Iamos xa de volta cando tropezamos cunha compañeira que fuxía dunha banda de fachas. A que se liou alí en cousa de segundos ben puido sair nos xornais pero andaban ocupados aquí co mandamáis, que daquela afirmou que a ikurriña era unha mala copia da bandeira británica. Hai burradas que chegan mais alto ca as nubes. Ninguén falou de nos, non sendo o médico que me deu catro puntos nunha cella, que limitou o discurso á inutilidade de liarse a mamporros con según quen. Tiña razón e polo demáis cosía millor ca a miña nai, que non é pouco.

As dúbidas foron medrando ao tempo que deixaba atrás algunha asignatura e ía esgotando xa o rosario de andrómenas que tiña que contar pra que chegaran cartos da casa, sempre tarde e de moi mala gana. Enganábame procurando sinuosidades con escasa fortuna. Argumentaba cousas absurdas na célula e remataba por cambiar de siglas, sempre dentro da lexión roxa, atoutiñando nos misteriosos rumbos da ideoloxía pra xustificar algo que na realidade só tiña que ver con tetas e cús. As hormonas tiñan todo o control e eran ben capaces de atopar o discurso que horas e horas de debate non conseguían. Ía dunha bandeira á outra coma un ánima que busca o pecado nun bar pra confesalo axiña no bar de enfronte. Unha peniña.

Como te vexan fumando bótannos a patadas, xa o verás… Estes fuman tamén, non ules, ou? Aínda non remato de decilo e sae o carcamal do despacho. O fumetas anda enredado en pelar un cable que se lle resiste. Resístenselle todos. Señor mío, no sé quien le habrá dicho que está en la taberna, ya sólo fuman los tontos. Sae o paliducho do seu cuchitril e fulmina coa mirada ao heavi que teño por compañeiro. Mira que cho dixen, vai desfaite deso, merdán. E onde carallo o boto se aquí non hai cinseiros. Proba a ver na bragueta que che queda ben a man. Es moi gracioso. O vello sae da cociña cun vaso de auga ollando cara a nosa posición e seguindo o rastro do drogadicto, que sae pra fóra na procura dalgún burato onde agochar o corpo do delito. Rostro pálido volve ao seu nicho fulminando cunha mirada de esguello a este paspán que volve entrar pola porta . Sacaches a chave do doce? E pra qué había sacala? A cona que te pariu, é millor facelo que mandalo.


Respostas

  1. Xuraría, eu que non xuro, que o Suso de Toro ten un relato que tamén acaba así. buscareino ;) )

    …mentres el segue a buscar as sinuosidades que se lle resisten envolveitas en ideoloxía, que soa a música, tan heavy, que doe en cada pao que se leva no lombo.
    Seguirei buscando letras nas que navegar singladuras novas que son viaxes recoñocidas no tempo.

    un bico, meu capitán!!!


Deixe unha resposta

Your response:

Categorías