Un día chegou unha carta da miña irmá. Unha muller que decía adorarme e facíallo saber a quen fora que se lle achegara a menos de cen metros. Por resumir, decía, se cres que imos estar traballando pra ti, vas apañado. Antes diso había un par de frases que falaban de choivas sen fin e vodas nos arredores. Despois deso puña “A túa irmá que sempre te quere”. Ese mes os cartos non chegaron. Na facultade viña de aparecer un tipo do que podía decirse que se adicaba ao ensino coma quen se adica aos xogos de azar. Veu sustituir á Lola, a profe de historia, que andaba xa cun crío a enredar na barrigola. A cousa consistía en caerlle ben e non houbo sorte. Falei con Antón, que era un obreiro metalúrxico capaz de aturar unha disquisición filosófica perante un par de horas e despachar o problema despois cun refrán ben acaído. Era difícil saber por qué nos aturaba. Nun par de días tiña un mono azul, un par de luvas que non eran da miña talla e un número da seguridade social. Se non traballas, non cobras, que che quede claro, dixéronme. Firmei no libro de matrícula que me puxo de diante unha loira cun xesto de fastío. Animouse algo cando a mirei. Andaba chea de sinuosidades.
Perante unha tempada fun quen de compadrear coas tres frontes abertas: a universidade, a causa, e o traballo. Ata que chegou a dia de cobrar o aconteceu aquelo. Non se me daban ben as mulleres. Creo que tiña un punto de incerteza que encendía algún sinal, non sei onde, que afastaba a todas aquelas belezas dos meus arredores. Alimentaba amores platónicos, vivía de olladas secretas e tiña adequerido verdadeira maestría á hora de masturbarme, porque reducir aquelo á mecánica manual e rotinaria parecíame noxento. Chegou o día de cobrar e entereime tarde. A loira veume chamar con cara de cabreo. A ver se pensas que me pagan as horas extras, rapaz.
Entrei na oficina cando alguén pechaba a porta despedíndose dela. Chao, Rosa. Chaaaaaao. Murmurei unha desculpa co tono tímido que sempre gañaba a batalla cando había unha femia de diante. Miroume e falou moi alto. Bótame unha man, anda. Recollemos montóns de fichas onde había centos de anotacións feitas a man e dispuxémolas todas nunha esquina da mesa mentres ela facía sitio nun estante na parede. Vaimos achegando. Eu achegaba os paquetes de letras e ela aliñábaos no estante de enriba. Levaba un vestido moi axustado que non se molestaba en baixar cando se lle varaba no traseiro mostrando as coxas brancas, por mor do forzado da postura.
Permanecía co fato de papeis entre as mans cando se agachou buscando algo no estante de abaixo e aquela grupa comezou a bailar a escasos centímetros da miña entreperna. Cando pensei que ía porme de volta e media xa tiña unha erección pouco disimulabel. Por fin volveu á posición orixinal, pero entón veuse cara atrás e en lugar de seguir co traballo achegou as nádegas alí onde o pantalón facía máis dano. Aquilo non podía ser unha casualidade. Ollou maliciosa o que acontecía na súa retaguardia e deu a volta. Non me bicou aínda. Sorriu, acomodoume na cadeira, arremangou o vestido porriba da cintura e desfíxose das bragas cun xesto de habelencia total. Cando vin os peitos brancos e xeitosos choutar enriba da miña cara soupen que a vida tiña cambiado para sempre.
A Encarna esta anda algo nerviosa e non deixa de vixiarnos. Estou por xurar que se parece ao amo, pero non por ser da familia, non. É un deses fenómenos que din que ocorren entre os cans e os seus donos. Hai quen dí que un can remata por parecerse ao seu dono. Pois a esta muller pásalle o mesmo. Debe de ter vinte anos menos ca el, e sen embargo parece saída dunha desas curiosas reunións de lores británicos. Y ojito con poner los pies en la pared. Iso ía aquí polo rei do rocanrol. Tarde piaches. Se antes fala antes lle pintas a parede. Istas paredes lávanse ben. Si, pero non se pintan por iso, dígocho eu. Pois que lle poña un marco e verás que bonitiña queda.
O episodio da loira foi unha revelación. No segundo seguinte ao seu sorriso de despedida soupen qué frontes me conviña atender máis. A universidade non era un deles e a revolución pasou a ocupar un lugar sen determinar. O primeiro posto do ranking pasou a ser ocupada pola lúbrica loira, que se ben non respondía exactamente ao estándar da muller romántica sementada na literatura, nos libros de texto e na propaganda televisiva, compensaba isa carencia cunha devoción polo sexo que eu compartía de maneira aberta e decidida. Pero todo remata. Decateime un día que escoitei os seus salaios a punto de abrir a porta e vin a carteiriña do encargado medio tirada enriba da mesa cos documentos esparexidos sen moito sentido.
Case morro do susto cando o vexo aparecer de diante de min, coma unha sombra. O outro anda arriba da escada pasando cables arredor da escaiola do teito. Le voy a hacer una pregunta, señor mío. Vaites que agora ten que me facer unha exame. ¿Cree usted que un operario puede ser tan inteligente como un intelectual? Nin o pensei. Non señor, non hai máis que ver ao meu compañeiro. Vaise satisfeito, acaneándose coma un ciprés co sorriso enganchado nos beizos xa pálidos e acomodando as gafas enriba do narís. Dende a porta vólvese e sentencia. Sólo en mi Galicia querida podría ocurrir un milagro como ese. Un non sei qué de emoción se lle engancha na gorxa cando pronuncia o nome da súa rexión preferida e o posesivo remata por traer outra famosa frase á lembranza. La calle es mía. Morreran tres daquela, así que a cousa perdeu a gracia. Para outra vez fállalle dalguen da túa familia. Eu non teño operarios na familia, son todos intelectuáis. Ai, non me digas, se cadra mesmo vos falades en latín á hora do xantar. Á hora do xantar, xantamos, e á de traballar traballamos. Mira que listiños.
