Publicado por: setesoles | 28/09/2009

Diario dun operario roxo (III)

Aquela Rosa abriu unha porta diferente na miña existencia. De súpeto, a sabiduría infinita do Ulianov aquel rematou por ter un valor tan relativo que resultaba abraiante comparar aqueles tempos cos de meses atrás. Un día tiven que me ripar por una canella cando estaba a piques de ser abordado polo responsable de célula daquela tempada, que debía de andar algo confuso no tocante á miña fidelidade ideolóxica. Decateime que as mulleres ollaban pra min. As loiras moi especialmente, e case sempre cunha faísca de picardía que se lles escapaba polos ollos. Aquelo traíame decote coa boca aberta. O traballo resultou ser unha cousa á que sinxelamente terminas por afacerte. Daquela todo resulta máis doado. É como aprender a facer as lazadas dos zapatos. Chamoume un día o encargado. Estou contento contigo rapaz, ti estás a gusto? Non hai queixa. Vouche subir un pouco a prima. Agradécese. Baixou a voz. Non botarás de menos á Rosa, ou? Enconllín os ombreiros e sorriu. Non se pode ter todo, rapaz.

Aquel mes non quedaba ninguén na cola cando fun cobrar. A Rosa deulle volta á cadeira cara a parede cando me viu entrar. Mira quen está aquí. Calei, que era o que me decía a miña nai que fixera cando non sabía que decir. Seguía enredando entre os papeis das estanterías sen atopar o que percuraba. Onde carallo o metería. Ás veces decía tacos a Rosa. Cando se abaneaba enriba de min decía obscenidades de seguido, en castelán. Case me deu a risa de pensalo. Xirou cara a mesa e inclinouse pra remexer no caixón mais fondo da mesa. Puidenlle ver os calcetíns pola canal do peito. Tiña un peito precioso. Miroume cando se endereitou e daquela entrou unha compañeira. Veña de gana que non es tí só, rapaz. Deume un sobre pechado e unhas cantas moedas e despediume acenando coa man no ar. Tropecei coa rapaza, morena, de boa estatura. Tiñaa visto por entre os estantes dos repostos, na nave do fondo. Parecía tímida pero tivo que levantar a vista por non enredármonos un no outro. Na miña vida vira ollos semellantes, por mais que non deixou que os contemplara mais ca unhas décimas de segundo. Pero qué che pasa? A Rosa protestou. Non sei qué lle vin nos ollos que me fixo sorrir maliciosamente.

As alarmas funcionan todas de xeitos semellantes. O movemento, a calor que despiden os corpos, ou a interrupción dunha raiola de luz fainas saltar provocando unha verbena que xa quixeran os Satélites. O caso é que a demostración só debe chegar a producirse despois da instalación. É o lóxico. Vai ti saber qué faría o namberguán este. O caso é que sae o paliducho do seu cuchitril e móntase a marimorena. A ver ho… qué carallo fixeches? Volve subir pola escada sen dar resposta. Non o entendo, di. Pois é doado, saltou a alarma. Cando me mira deste xeito lémbrome da Rosa. Creo que pensaba que certos órganos teñen capacidades ilimitadas, e cando comprobaba que no meu caso non era así, ollaba pra min coma se estivese vendo unha cabeza de pescada recén cortada. Metade noxo e metada mágoa. Non deixarías o conmutador da entrada ponteado? Non tal. Pois logo colocaches a fotoeléctrica do corredor ao revés. Non quedamos que era bipolar? É birolla, non bipolar. E seica che daba vergoña decirmo, ou? Abre os brazos no ar, cheo de razón, e como nesa actitude non pode ter conta do raio do contacto vólvese montar a marimorena. Sae o paliducho. Pero se puede saber a qué jugáis vosotros? Ábrese a porta do despacho. O namberguán parece impresionado pola presencia do vello e bota man dos fíos ata que volve a paz. Señor mío, mañana es un día importante para todo hombre bien nacido y yo me tomo muy en serio la jornada de reflexión, así que estas tonterías sobran.

Mañá é día de votacións. En canto os alporizados volven ao seu, pregúntolle ao namberguán con certa retranca: Oes, a tí non te collerían nunha lista desas das eleccións, anque fora de recheo? Vou de número dous pola Coruña, listo. Cos pepes, que lo sepas… Cando as gargalladas ameazan con botar de novo dos seus toques aos da casa saímos pra fora. Isto pásanos ás veces, e ven sendo unha sorte de tregua temporal que aproveitamos pra falar coas veciñas que veñen de facer algunha volta ou mirarlle aos munipas prás botas. Qué pouco lles gusta. Xa de paso recoñecémonos coma dous tipos que traballan xuntos con menos problemas dos que istas continuas regueifas poideran indicar.

Aquela moreniña foi a miña noiva case dous anos. Aprendeume algunhas cousas importantes que polo visto só saben as mulleres sen teren que estudalas. As mulleres son seres estranos, coma saídos dun mundo que non é de aquí. Non é certo que non as entendamos. É que son doutro mundo e mirándolle no fondo dos ollos, nótase ben. Saberedes que os ollos están compostos de partes diferenciadas. Marta, ese era o seu nome, tiña un pozo negro no medio dos ollos, e arredor del unha constelación cambiante de azuis e verdes e musgos e augas e ouros e algas e ondas. Qué sei eu. Logo había unha sorte de vacío interestelar e pouco máis aló un reino de veas irisadas que compuñan unha coroa azulada, máis lixeira de cores, pero tépeda coma unha fraga. Era cousa de velo. Mirala máis aló duns instantes era caer no engado do mar. Talmente. Eu mireina máis da conta aqueles días despois do noso tropezo que case rematou en tropezón. Doéume moito cando marchou. A ela doéulle mais verme nos brazos daquela tola sen cerebro, pero non quixo que llo explicase e liscou.

Chamóume dalí a un par de días para ver como estaba. Díxenlle que podiamos seguir sendo amigos e a verdade é que a idea de non volvela ver causábame unha tristura fonda. Coma unha ferida que non curara nunca. Contestou que non tiña sentido. Estaba perfectamente tranquila. Hoxe creo que estaba contenta. Aínda soño ás veces con aqueles dous mares no límite dos tropicos. Cando esperto choro a modiño ata que a vexo rir no meu maxín e entón rio tamén e póñome en marcha.

Non tiña moita idea do tempo que pasara cando atopei ao meu xefe de célula nun bar calquera. Non soupen qué lle había decir, pero entón foi el o que botou moi deseguido aquelas poucas palabras, medio atropeladas, coma se quixera aclaralo antes que ningunha outra cousa. Eu marchei tamén. De ónde? Do partido, ho… Ah, xa… Teño un rapaz. Non amoles… Pois sí. Baixou os ollos ao chán coma se aquelo estivera de mais nunha conversa entre nós. E tí non casaches? Pois… non. Vaia… bueno, tempo tes. É verdade. Estanme esperando. Vai logo. Xa nos veremos. Claro. Women come and go, din nas cantigas en inglés. Pero non, son todas as personas as que veñen e van. Esvaécense. Esmorecen coma a escuma nas ondas das mareas. Un día están e outro xa non. Pode saberse qué che pasa? A quén? A ti, carallo, parece que ves dun enterro. Seica te drogas xa de mañán, ou? Igual víñache ben un porrete. Iso pra ti, a min déixame co tinto. Ás veces o traballo serve pra esquecer as penas, que sempre hai.

Estaba perto dos coarenta cando andei a piques de casar cunha ricacha. Viña de Venezuela e tiña familia aquí, na parte de Combarro. Pouco faltou pra marearme o dia que a vin. Pensei na estrada da Fonsagrada, por aquelo das nonseicantas curvas. Tiña unha estampa ben atlética, pero moi de muller ao tempo. Falaba dun xeito moi simpático e deprendeu o galego coma quen frite un ovo. Caínlle en gracia. Viame co mono pola rúa e caíalle a baba. Non entendín nunca ben aquelo. Da noite prá mañá meteuse na eirexa e non houbo quen fixera bo dela. Casou con deus sen facer os votos. Bueno, desta vai. Deus te oia. Xa me extrañaría. E a mín, ala, vai ao teu. E por qué dis eso? Por nada. Aínda vou a algunha misa de cando en vez, non coma tí. Así andas, ala, vai acabando, Así andas tí, que xa nin a Marica te aguanta. Se cadra faime un favorciño a túa moza. Ri polo baixo e dá por rematado o asalto mentres baixa da escada.

Isto está. Hai que comprobar os outros. Peto na porta do gardacús. Temos que facer un par de probas, será millor avisar ao xefe. Revólvese na cadeira con fastío. Está vendo unha desas series da televisión colombiana e polo visto é da súa interese. Tardáis mucho? Nadiña. Damos unhas voltas pola sá mentres peta na porta do despacho e explica brevemente a situación. Hai fotos por todas partes, coa persoaxe da casa sempre no centro de atención. Diplomas tamén, algúns en inglés, e unha foto nunha praia. Aqueles traxes de baño tiñan o seu aquel. Resultou ser un recorte de periódico que falaba dun suceso acontecido en Palomares, por mais que do lugar non se via nin un mísero tellado.Venga, ya podéis, acabad prontito. Nun minutiño queda a volta feita. Non hai mais que revisar o luns pola mañá un par de detalles coa porta do garaxe.

Dos coarenta en adiante as cousas foron a pior. As loiras deixaron de ollarme daquela particular maneira e raramente pasaban dunha breve inspección ao nacente bandullo que daba paso sempre á indiferencia. Non hai cousa pior. Mudei de piso cando unha das veciñas guindou unha maceta con xeranios na terraza mentras recollía a roupa. Púxenme verde primeiro, logo rubio, conxestionado, e finalmente pálido. Ollei pra enriba e alí estaba a filla con cara de noxo. Tíñanme manía dende unha noite que lle deu ao televisor por se poñer a tope de volume mentres daba conta dun video porno barato. O que facían aqueles dous non tiña moito de particular, pero o que decían ía moi lonxe dos gustos das beatas dos arredores. Lisquei.


Respostas

  1. Gústame este diario dun operario roxo. Gústame que os seus relatos sexan tan xenerosos, cando algo está ben contado ler é un pracer.
    Un saúdo.

  2. “As mulleres son seres extraños”. Certo. Seguirei pois este diario, quizais aprenda cousas novas delas, que nunca está de mais saber.
    Unha aperta.


Deixe unha resposta

Your response:

Categorías