O novo piso tiña unha vantaxe. Había un bar embaixo dos que reparten comidas a domicilio. Ía fartiño de cociñar e non se me daba especialmente ben. Houbo que nogociar co dono, que era un tipo difícil de roer. Estaba a piques de claudicar cando contratou unha cociñeira. Loira ela, casualmente, entradiña en carnes, pero moi feita. Fíxose co control deseguida, ata o punto de que o home case desapareceu do bar, non sendo nos días de partido. As negociacións coa loira foron máis doadas do esperado e se ben se limitaron ao principio ás comidas, pronto afectaron tamén a algúns aspectos da miña existencia que andaban desatendidos. Non houbo nin que falar. Un día pregunteille como se chamaba. Estaba apiques de meterse na cociña. Parou os pasos, ollou pra mín coma quen recoñece a alguén da familia, abríu o bolso e pasoume unha tarxetiña con letras negras sobre dun fondo vermello moi rechamante. Chámaste Mari Carme? Chámame Marica. Pois Marica logo.
Chegou o luns, quen raio o inventaría. Non fun votar. Ando desganado coa vida, así que as eleccións non consiguen máis do que a vida pode. O carcamal sí que foi. Saíu do cubil a contarllo a todo o mundo, tamén a nós. Está que non lle colle un garbanzo no cú. Parece que gañaron e anda contento. Iros a descansar. Pero don Manuel, si todavía… Que os vayáis, no me repliques. O paliducho disimula, pero remata por escaquearse. O meu compañeiro xa tirou coa ferramenta antes de que rematara a frase, de maneira que houbo que miralo de retranca para que recollera cando menos. Aínda non pasaron cinco minutos e a casa quedou baleira de operarios ou empregados que poidan anoxar á persoaxe de dentro, non sendo a imprescindible Encarna.
Nen as paredes son quen de deter o son dun aria wagneriano que asulaga o chalet mentres os polis se achegan ao tanque de fóra. Está baleiro. Os pasos do paliducho toman a dirección do restaurante da praia e unha idea róndame no miolo. E se marchas con estes? E logo? Vou revisar o aillante da parede de fora antes de liscar. Deuche agora polo perfeccionismo, ou? Dasme o teléfono da túa nai? Vai pró carallo. Esta xente nova pensa que sabe moito e seguramente terán razón. O problema é que non lle atopan utilidade. Vaise cara o poli, que encolle os ombreiros cando lle pregunta e acena cara o restaurante deixando a decisión nas mans do compañeiro.
Pásolle os dedos ao revestimento do cable na parede, percorrendo o perímetro ata chegar á parte posterior. A entrada á terraza quedou aberta. O millor será avisar ao xefe direitamente, por non liar mais a cousa. Achégome á cristaleira e sorprendo a danza algo estrambótica do vello, que abre e pecha os brazos seguindo o rimo da música. De onde sacará tanta vitalidade… De súpeto párase, baixa o volume do equipo e chama pola sirventa. Aparece ela, falan un instante, e queda algo parada. El protesta bracexando no ar con desesperación. A pobre da muller carrexa libros, pesados, moi voluminosos. Para diante do escritorio e vainos colocando a xeito de banzos en pequenos grupos ata chegar á altura de mesa, rexa coma un trono artúrico. O vello repasa visualmente a enxeñería e despídea sen contemplación mentres ela protesta inútilmente. Logo retira algúns documentos cara un recuncho e volvendo onda o aparello da música, sube de novo o volume.
Este modesto operario non é quen de dar crédito cando todo o peso desta personalidade que din fundamento esencial das Españas axeónllase riba da primeira ringleira de libros, fai o sinal da cruz, e abre os brazos ollando fondo cara o ventilador, desafortunadamente interposto no camiño do ceo. Despois érguese, refuga a vulgaridade das zapatillas e cunha abraiante axilidade trepa polos banzos cheos da sabiduría do tódolos sabios das Alemanias, Britanias e vai saber cantos mundos maís, ata chegar á mesa-ceo, transido pola emoción e transformado nun ser superior. Alí o aria envólveo nunha nube infinita de grandeza. Os brazos suben e baixan coa enerxía e a habelencia dun Karajan calquera, ata que por unha desgracia do destino un deles fai chegar o extremo do cinto da bata ata as aspas do muiño de vento pendurado do teito.
Quere a fatalidade que o aria chegue ao seu clímax no momento no que o ventilador envolve rápidamente o tecido e fai ascender o corpo do infortunado, que, sendo moito mais pesado na súa parte superior, campenea no ar e queda finalmente suspendido do teito, xirando sen moita gracia e amosando a cor vermella dos calcetíns contra da blancura impoluta do teito. Hai ruido de pasos na entrada, de onde xorde a voz da sirventa cun aquel de inquedanza. El, recuperado da sorpresiva ascensión aos ceos, berra. ¡¡ Encarnaaaaaaaa !!
A wagneriana solista asulaga os ouvidos dos garda civís cando a porta se abre e a sorpresa paraliza aos primeiros en chegar ocasionando un pequeno tumulto na porta do salón, que finalmente se resolve con algunha caída e un taco que outro. Cagoenlaputa, Márquez, me has pisado hasta el alma, cabrón. O corpo do insigne da voltas no ar inocentemente, mentres o ventilador teima por seguir o seu camiño, irreductible. As mans buscan o interruptor adecuado e axiña pasou todo. O vello, superada xa a pior parde do desagradable incidente, volve ao seu ser. Bajadme de aquí de una puta vez, que os mando a la cárcel como me llamo Manolo.
Dende fora, na ampla terraza, todo parece xa controlado. Non sendo este espectador, aínda abraiado pola visión da senlleira figura acaneándose absurdamente no ar perante a mirada dos servos. Alguén procura unha escada. A dos electricistas, di Encarna. Os polis reclaman á cabaleiría polo móbil. Os civiles, á súa. O vello alporízase. ¡Bajadme de aquí!
Cando deixo o lugar, case morto da risa, non deixo de pensar que a vida ten de ser moi diferente pra esta cras de xente. Ningún ventilador que a min me acorde tería sido quen de soportar traballos tan pesados.
F I N

Escoitei a aria, vin como voava Manolo, vinlle os calcetíns, envexei ese ventilador blindado que aguanta o que non aguantan os demais. Paseino pipa lendo este capítulo.
By: Doutora Seymour on 15/10/2009
at 8:16 pm