Agora que polo mundo anda espaiado este cheiro a misa en latín, a bandeira de cores sanguentas en máns de heroi ultramontano, é a hora de saber se somos moitos ou somos pouca cousa.
Os mequetrefes que nós mesmos colocamos nos púlpitos do mundo discuten onde é necesario estear as murallas, recebar as paredes, fornecer de formigón os núcleos vivos dese sistema chamado Sistema. Ninguén sabe para qué, pero todos levan a cara seria, circunspecta. Bronceada tamén, non todo ha ser reflexión.
Os operarios afincan as grandes trabes contra das paredes do mundo, coa cabicha pendurando dos beizos e o sorriso escéptico dos mandados. É o que se chama un traballo ben organizado.
Nos conventos, os frades e as relixiosas seguen alimentando a filosofía que os retirou do mundo. Alguén tiña que ser santo neste Entroido dos séculos.
Emilio Botín, mais mundano, promete chantar dous edificios cubistas no medio e mitade do porto de Santander, comunicados por un paso elevado de inédita factura co mesmísimo Banco de ídem. Un dos piares do mundo, seica. Batide palmas. Sede agradecidos.
Una parella descansa, agardando a chegada do ferri que os ha devolver as illas do frío Mar do Norte. A ollada dela percorre de vagar as pedras de granito asulagadas pola luz violenta da mañá. El cunxura o mundo recitándolle poemas, cunha voz mesta e cecáis fatigada. Se cadra hai esperanza…
De fondo, os montes, agochados datrás dunha claridade profética, cegadora, proclaman ter visto antes cousas parecidas. Telo visto todo. Case se pode decir que aborrecen.




Os banqueiros (Emilio Botín incluido) terían que superar algúns cursiños de poesía. Quizais enton fosen máis considerados, máis receptivos, máis sentimentais. Cualidades moi necesarias a hora de ir pedirlles unha hipoteca.
Por: Raposo o 05/10/2011
ás 6:35 am
Bos días amicus.
Independentemente das verbas empregadas, algúns calzan botas de coiro fino e esquencen sempre outras un pouco mais altas que as alpargueiras.
Montesquié xa o dixo e mentres nos poñamos mulas moito tempo nos atrios istes couzarannos.
As esperas son longas e nos as alongamos, mais poderemos acotalos con berros nas rúas e nas urnas. O pior é cando outros que andan a dicir que os seus poderes non son distes mondos pra meter os fuciños en tudos. Istes sonche os piores.
Por: Beato Darzádegos. o 05/10/2011
ás 5:57 pm
Agardar, ás veces sen saber moi ben o que, pero agardar… Que algo mude nalgures para poder seguir camiñando…
Por: A nena do paraugas o 09/10/2011
ás 3:37 pm
Esta entrada xa lera hai tempo (pensei que escribira algo)
Se cadra non souben que dicir.
E agora tampouco: quizá só que se alguén le poesía inda pode haber esperanza [pero que non me escoite o monte, que está de volta de todo, incluso diso]
Por: zeltia o 24/10/2011
ás 9:25 pm