O tempo anda a dar voltas por enriba de nós, non sei se por embaixo. Hai quen di que non son voltas, porque nunca volve ao mesmo punto. Que son espiráis. Esas revoltas infinitas que semellan remitir ao principio dos tempos.
Este camiño témolo feito ducias de veces, sen cansar, cando aquelo de ter unha doenza medianamente seria implicaba percorrer cento trece kilómetros pola estrada de Trives, coas súas voltas e reviravoltas sen contar, non coma aquela de Fonsagrada que din que ten un número exacto e preciso que todo o mundo coñece.
Hai quen quere volver tamén ao principio dos tempos e ven contando aquelo de que sabe ben o que fai. Que as cousas van estar millor así, que teñen boas relacións cos de Ourense, e que son xentes importantes, desas que din “buenos días” no cando do bon día humilde do proletario. Contra desa xente berraban onte moitas gorxas de tódalas idades. Andaba eu sorprendido de ver berrar de novo estas gorxas por enriba dos sesenta, e a carón delas algunhas por embaixo dos 20, quén decía non sei qué da xuventude…
Tiven a impagable sensación de estar entre cidadáns, que non mandados. De xente que sabe que toca pelexar polo noso e xa non queda na casiña. Hora era. O único que non me gustaron foron as consignas, e debe de ser que anda ún algo canso das vellas rimas de sempre. Porque sempre é tempo demáis. O espontáneo “Feijoo, atención, que somos mogollón” soaba máis fresco, seguramente por vir das voces máis noviñas, pero tampouco imos facer diso un problema.
Pensei nos que non andaban con nós, porque xa lles contaron os partidarios das cousas ordenadiñas e uniformadas, que estas son movidas dos sindicatos, que queren mandar moito no hospital. E cavilei que de ter que discutir o asunto con algún deles, teríamos leria para rato. Daquela ocurríuseme que non hai que pensalo moito. E saíume en verso.
Xa fomos, xa volvemos, e ben vos coñecemos. Mágoa non ter millor voz.
Foto: Manifestación pola Sanidade Pública e contra da chamada Área Concertada. O Barco, 27 de Outubro de 2011




Unha voz a xeito e unha boa cámara acompañada das verbas precisas é todo canto precisas para espallar por estes mundos o que está a acontecer. Non sei se tervos envexa, sobre todo de que non empezasedes coa eterna teima… “que sindicato convoca?? é que eu con eses non vou” Xa é hora de que acordemos que de nós depende arranxar o noso e, cantos máis acompañen, mellor.
Noraboa a todas e todos.
Por: xenevra o 29/10/2011
ás 5:58 am
Se cadra hai algún parvo que pensa que imos estar millor sen sindicatos… Eu non cheguei aínda a tal grao de tolemia, pero o que máis asombro me produce é ver qué doadamente se manipulan centos de miles de cabeciñas supostamente intelixentes.
)
Ben. Estamos aquí e vai haber que roernos, como a aquel Pontevedra fúlbol club.
Por: setesoles o 04/11/2011
ás 9:52 pm
Tamén eu envío os meus parabéns por esta iniciativa de facerse oír. Aínda que quen ten que escoitar non escoite, é moi importante seguir alzando a voz, pois soamente así se pode conseguir algo.
Parabéns de novo para a cidadanía do Barco.
Por: A nena do paraugas o 30/10/2011
ás 6:33 pm
Queremos peixes… Pois a mollar o cu, non hai outra.
Unha aperta, moza, e forza, carallo, que temos razón !
Por: setesoles o 04/11/2011
ás 9:53 pm
A consigna é caralluda e vaiche [vainos] moi ben!
Aquí non penses que se berrou moito…
Por: Zeltia o 03/11/2011
ás 8:06 pm
Pero estabades, ou? Pra berrar ben hai que se transmitir ese entusiasmo, xa sabes, e diso aínda temos moito que axuntar. Dalle tempo, que polas rimas non ha quedar.
Bicos de interior. Mándame un pouco de mar que devezo coma un crío.
Por: setesoles o 04/11/2011
ás 10:06 pm
Eu tamén estaba na manifestación, e emocinoume a cantidade de xente que se sumou, pensaba eu que xa estabamos todos amomiados e non eramos capaces de facer unha protesta coa forza e o ruido necesarios para que os que teñen o poder escoiten e entendan que os hospitais, os colexos, e institutos, os sevicios sociais … etc, PAGÁMOLOS NOS, todos eses que protestamos, e non estamos dispostos a que se desmantelen por que os que xestionan a cousa non o saben facer, ou o fan para mellor gloria dos seus intereses ou os de outros con ganas de enriquecerse a costa de todos nos.
Gustoume tamén a consigna “Feijoo,atención, que somos mogollón”
Saúdos desde Petín.
Por: Son Unha Xoaniña o 04/11/2011
ás 9:22 pm
Había tempo que non viamos unha movida tan bonitiña coma esta. Se cadra xa estamos a espabilar, e non é sen tempo. Agora compre teimar no esforzo sen desesperar e non perder a alegría que sempre da vérmonos de novo na rúa a defender o que é noso. Pagámolo nós, exacto. É noso !!
Unha aperta dende esta beira do Sil, veciña.
Por: setesoles o 04/11/2011
ás 10:10 pm