Publicado por: setesoles | 05/11/2011

Descoñecida

Botou andar antes de que a porta batera contra dos ferros fríos, mentres o vento levantaba páxinas dun xornal abandonado nas louxas da beirarúa. No ár unha certa atmosfera de irrealidade de vila perdida entre os montes que xa non coida ninguén. E qué hei facer eu se da lle por marchar de vez. Se me abandona.
A megafonía da propaganda electoral enchía todo dun cansazo insufribel, esmagando as esperanzas dos días, indiferente e inútil, frívola, abouxante. Pinguiñas caendo dun ceo fronteirizo, encaixado entre os bloques de apartamentos e os montes ao lonxe. Nunca souben ver os sinais. Pensei que abondaba co lánguido transcurso dos días á beira do lume do fogar. Mírate agora, á volta de trinta anos de convivencia…
- Vaste mollar, Manuel.
- Queira Dios.
O veciño fitou cara atrás adiviñando un aquel de desamparo na declaración e seguiu camiño co paraugas ben perto do corpo por mor do vento caprichoso. Bulían os pícaros por entre a pouca xente de camiñaba na procura da casa, ou da tenda, ou de ningures. A ningures é onde quere ir, a ver qué carallo anda a buscar agora á súa idade, mal raio me parta, tanto traballar pra atoparme agora con este sambenito.
Podes contar con nós. A nosa voz será a voz dos que nunca son escoitados. O camiño terá que ser percorrido ombro con ombro, homes e mulleres alzando unha soa voz…
- A puta que te paríu… 
Ollouno con certa prevención a rapaza que saía do portal, co paso enérxico e o aspecto limpo e xuvenil. Tería sido imposible atopar dous seres tan distintos. El, encabuxado na perspectiva da derrota total e definitiva, as mans acubilladas nos petos, orfas de calor, abandonadas. Ela con presa e unha faísca de lume nos ollos azuis, as fazulas cálidas e rubias por un aquel de excitación. Ela acomodándose no habitáculo do utilitario blanco, prístino, accionando o intermitente con urxencia, atendendo ao que ocorre adiante e atrás, disposta para aquelo que anda a buscar. Ela soa, atenta a miles de futuros, aberta e fachendosa. Ela descoñecida.
Pasou o coche amodo, a carón do home das mans nos petos e o paso preguiceiro. Mirou ela mentres o cristal atopaba o seu tobo entre o metal branco e abrillantado. Mirou el, triste, como quen ve pasar unha bandaba de patos dende o patio dun penal. Zoou o vento entre as farolas carregadas coas imaxes dos líderes de ningures. Choveu con máis enerxía e o home camiñou os seus mesmos pasos cansos sobre das louxas manchadas aquí e alá polas pingueiras grises do ceo.
Chegou fronte da casa da infancia, parou os pasos e fitou aquelas dúas portas e a fiestra no medio. E se acaso finou aí a miña vida hai tempo, e non fun quen de darme conta. Camiñou outra vez, acenou coa cabeza cara o que erguía a man do outro lado da rúa. Ollou para o reloxo da torre da eirexa cando a campá ceibou aquela voz de bronce cara os vales. Eran as catro e a el pareceulle que xa foran as catro moitas veces.

Respostas

  1. Cada día ten as súas 4 da tarde. Moitas veces non nos detemos diante delas, pero outras semella que se prolongan máis alá da noite, sobre todo cando pasamos diante das portas pechadas do pasado.

    Gustoume este relato. Moito.

    • Gracias, moza. Ten a súa cousa o pasado. Non hai cristo que o entenda… e eso que xa pasou… ;)

  2. Algunhas veces entre as catro e as mesmas catro parece que pasaron moitas horas. Magnífico.

    • Non sei se será por iso que hai unha tempada que ando sen reloxo… Isto do tempo supérame máis cada día que pasa.
      Un saúdo

  3. setesoles!

    issto que escribiches sí que é do meu gusto! encantoume por cómo e encantoume polo que.
    ten ese aire de prota de novela, que máis vale que sexa imaxinarse así, facer unha pseudoficción que fai máis grande e merecedora de nós, a realidade cando machaca.
    que agora xa machaca e queda.
    non como a prota feminina atenta a miles de futuros, [esa é a mirada que pensamos que teñen os mozos e mozas, pode que xa non nos acorde que a maior parte das veces andabamos atentos a calquera merdada.]

    bueno, parabéns polo texto.

    heiche copiar un dia.
    ó fin todo en nós é plaxio de alguén, mesmo o parecido físico que sempre nos dín que a nosa boca é de nosa nai, ou os ollos son do avó.

    • Eu sei de ún que andaba atento a tódalas merdadas sen faltar unha… Una desgracia coma outra calquera, pero vaia, vai pasando (ou iso penso, vai ti saber…)

      Certamente, ser orixináis despois de tanta letra escrita resulta unha labor extenuante, e debe ser por iso que ataca a preguiza en cada curruncho, hehehe…

      Oes, faime o favor de esperar a convertirte nun deses fenómeno-de-masas antes de cometer tamaño pecadísimo de plaxio. Hame facer moita ilu ;) ))))

      Bicos embaixo do temporal (sempre hai algún…)

  4. O tempo que non se detén, mentras voltamos atrás xa deron todas as horas do mundo. Semella estar amolecendo, case xa morto, entre portas vellas e cores desteñidos. Quizais, ahí rematou a súa vida, mentras se escoita o ir e vir do cotidiano, do que non nos fixamos. Non é autismo, é que non reparamos no bonito que é cada día. Biquinos sen carteis

    • Qué razón tes… E quén me mandará a min fixarme nos carteis…
      Tes vista de ciruxano, e ata pode que pensamente de ídem. Qué envexa…

      Biquiños atrás dos cartéis ;) ))


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.