Publicado por: setesoles | 13/01/2012

Pegadas sobre da neve

Non teño idea de por qué o frío pode resultar tan anguriantemente claustrofóbico. Ou por qué ás veces resulta así, e outras, outra cousa calquera, pero anguriante sempre. Pregúntome por qué as nubes son ás veces coma un sudario, e outras, coma o aloumiño dunha muller que se entrega dende o corazón, coma unha desas prendas de la que recibes cando estás a piques de axiarte por fóra, ou pior aínda, por dentro.

Ás veces teño tanto medo (nunca hei saber por qué) que fico paralizado embaixo destas nubes mouras de algodón, detido, abraiado, esperando que a choiva aporte algún alivio… e non podo comprobalo por trás da fiestra que eu mesmo veño de pechar…

Cando por fin descubro un chisco de familiaridade nas pinguiñas miúdas que embazan os cristáis, cae unha escuridade conquistadora sobre de todas as cousas, e a pouquiña esperanza que nacera, morre sen compaña na profundidade impenetrable da tebra. E xa non hai máis nada.

O pior de todo é saber que podes chegar a ser o teu propio carceleiro. E nin siquera precisas unha razón moi clara. Abonda con seguir os teus pasos sobra da neve, esgotado de frío e sen valor para ollar máis lonxe, onde a luz espera inútilmente a túa chegada.

Eu sei que o mundo non é así. Pero ás veces, pareceo.

Foto atopada en http://retalesdeunavida-neith.blogspot.com


Respostas

  1. Como existiría a luz se non fose pola escuridade? E só os nosos ollos son quen de ver máis aló, na mesta néboa. Dá medo abrir a ventá polo recordo do frío doutrora, mais iso conleva non quecer na calor que garda.
    Só se ve ben cos ollos do corazón (que diría a raposa ao principiño) e eses son os que importan. Mantelos abertos. Non pechalos endexamais.

    Un bico que aqueza as túas forzas baixa esta néboa que xoga ás agachadas co sol.

  2. Soamente transitando polas escuridades se pode chegar a ver a luz, a gozala cando nos achegamos a ela.

    Un saúdo.

  3. sin embargo este texto non me deixa fría, non.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.